Thursday 16 de May de 2024

As competencias prelaborais son o eixe dun novo programa formativo na Pobra


O Concello da Pobra do Caramiñal continúa na senda de lle achegar formación á poboación que redunde nunha mellora da empregabilidade de menores de 30 anos. Desta vez bota a anda-lo programa Roteiro, centrado en competencias prelaborais. Preténdese dar nocións cara a unha entrevista de traballo ou á inserción no mundo laboral.

A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e a orientadora laboral, Blanca Álvarez, expoñen que os contidos por impartir serán ferramentas para o traballo en equipo, obradoiro de transformación positiva de conflitos, técnicas para a busca de emprego, intelixencia emocional ou coaching e mindfulness como tácticas para supera-la frustración, entre outras cuestións.

As clases terán lugar ós luns do período comprendido entre o día 20 de febreiro e o 15 de maio, nas aulas da confraría, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Establécese un límite de 15 prazas. Se ben o programa está concibido para se realizar de xeito colectivo, tamén haberá intervencións individuais.

O prazo de inscricións abrangue dende o día 6 ata o 16, ambos inclusive, a través do Servizo de Orientación Laboral co teléfono de contacto 981377610.